Obama e o Coelho

Que me desculpen os que crean nun e no outro e no Nóbel, que me desculpe a mesmísima Alicia por tomar o xogo do Espello en van e que me desculpe o Coello do País das Marabillas por eu escribir con aínda máis presa da que el ten. Pero pensaba hoxe mentres andaba na bici dO Vinte á Baiuca, do Pulleiro á Graña, de Xan Rozo a Santa Cruz e de Mondoi a Porzomillos, que se cadra o de darlle a Obama o Nóbel da Paz vén sendo como se ó outro Coelho lle desen o Nóbel de Literatura.

Creo que o pensei cando pasaba xusto por riba da ponte sobre a autovía, uns segundos antes de dar volta para logo non ter que andar trepando por encostas que non consideramos humanas os que damos pedais sen os ollos inxectados en sangue con EPO. A última vez que non o fixen (dar volta) aparecín en Betanzos, e cando cheguei á mesma altura media hora despois imitaba moito ó ciclista do anuncio de Hemoal. Quero dicir con isto, xa sei que non se entende, que se cadra ó final do post dou volta e chego ó mundo sen poder sentar en nada razonable.

Pero é que imaxino que un día lle toca a lotería ó meu admirado Paulo e as tripas se me poñen do revés, e súbeseme a cara do tipo do anuncio aquel sen necesidade de encosta ningunha. Non porque crea que o Premio Nóbel é unha cousa prestixiosa (se ben estou convencido de que é un premio envexable), senón porque considero que a literatura é outra cousa. Sobre o do Nóbel e o prestixio, pois eu que sei: supoño que é bo lembrar que Nóbel foi o inventor da dinamita, así que o Nóbel da Paz, como é lóxico, organízase cos beneficios da venta de tan pacífica mezcla.

Penso tamén que se cadra o valor do de Literatura está nos que nunca o recibiron: eu fago unha lista dos meus favoritos e sospeito que Camus se espetou contra unha árbore logo de verse fóra, é dicir, dentro; debeu descubrir o que fixo mal e pisou o acelerador a tope. E no do Nóbel da Paz moitas das ausencias tamén deben ser ben máis respectables que algunhas das presencias.

O mundo é ben raro. O blogomillo, con todo o lixeiro que sexa, esmorece trousando na sarilleira do galifeis; vai o bló das Lándoas e nos abandona e aquí queda este estúpido caderniño de desafogos. Menos mal que unha das últimas malas influencias dese “blódereferencia” desaparecido foi conseguir que me fixese socio de Amnistía Internacional. Hoxe descubrín, lendo un correo, que gracias á ridícula cantidade que aporto cada mes axudei a que liberaran a unha musulmana á que castigaran por tomarse unha cervexa.

Menos mal que ás veces o mundo semella ter algo de sentido. Paréceme unha tarefa ben máis pacífica pelexar pola liberación desa muller que andar dubidando se enviar máis tropas a Afganistán. Marcho a tomar unha á súa saúde coa conciencia tan tranquila como o espíritu de Alfred Nóbel.

4 Responses to “Obama e o Coelho”

  1. He, hoxe fixen un comentario similar (aínda que só dunha frase coxa -tiven un profe de física que me dicía que facía os exames telegráficos-) nun blog deses do sur. Ben sei que non só importa o contido, que a forma é fundamental, e non hai comparanza entre como o di vostede e como o digo eu (para ben de vostede que o escreibe e meu que o leo) pero iso, que si, que estou con vostede.

  2. r.r. di:

    Ti estás ríndote do meu problema silencioso, Sun, que te coñezo…

  3. Non me coñece nada, r.r. Téñolle moito respecto. E se falamos do outro, eu tamén o padecín e a gritos, de maneira que sei o que é:
    http://desferradas.blogspot.com/2008/07/fbula-da-ra-as-almorrs-o-valado-e-o.html

  • Este blo apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet
  • ¿Cousas que pasan?

    Pilón Tabarés
  • Presumindo de valor…