Daniel Cortezón e a desmemoria

Non é facil sequera atopar unha imaxe súa pola rede, pero tamén para que.  Eu coñecino pouco, pero sospeito que moito máis do que o que é común no país e moito menos do que debera; unha montaxe na que participei hai dez anos, as enriquecedoras discusións sobre a versión que Roberto Vidal  Bolaño fixo, algunhas charlas en Ribadeo logo das funcións de Teatro do Aquí que sempre viña ver e, nos últimos tempos, algunha coincidencia á sombra da casa na que nacín, algún café, algunha charla-interrogatorio, case sempre breve, na que eu escoitaba máis do que falaba (como é normal cando se ten enfronte a alguén que pode contar historias fermosas ou falar con rigor e sabedoría de asuntos nos que un anda bastante despistado).

Supoño que non minto se digo que tomei contacto con el pola aínda hoxe esclarecedora anécdota que contaba Roberto cando me encargou picar no ordenador o texto sobre o que logo iamos traballar durante meses; despois lin as súas pezas e valorei a súa capacidade de traballo e a súa ousadía para facer da historia de Galicia material dramático, e caín no engado absoluto da Historia Compostelá, na que se baseou para escribir o seu Xelmírez e que segue sendo un dos libros que mellor explica o funcionamento da política hoxe e sempre. Supoño que tampouco minto cando digo que era querido polos achegados e apreciado polo rigor e polo continuo traballo, mesmo en circunstancias ben duras, por parte dos que estabamos máis lonxe.

Daniel Cortezón morreu o día catro de outubro. O vago recordo nos medios deste noso país tróuxome á memoria o recente falecemento dun seu compañeiro de xeración, máis coñecido por facer figuración nunha serie da tele que por algunha das súas obras máis afortunadas. A vida é tan inxusta como desmemoriada. Igualiño que nós.

Tags:

One Response to “Daniel Cortezón e a desmemoria”

  • Este blo apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet
  • ¿Cousas que pasan?

    Pilón Tabarés
  • Presumindo de valor…