Alteracións e equilibrios

24092009_002-001

Sempre se lle botou a culpa daquilo á primavera e se nos chamou “outonizos” ós que dicimos que nos agrada o mes que onte entrou. Pero con isto do cambio climático seica a xente anda quente e con ganas de leria cando tocaban poesía bucólica e contemplación pausada da caída das follas. Sómosche así, sempre con ganas de levar a contraria.

A min non me fai falta máis que saír a dar unha volta na bici -ultimamente descubrín o pracer dese hábito por culpa dunha convincente rehabilitadora betanceira -para decatarme de que máis alá da miña horta a natureza é distinta en cada curruncho pese á aparente monotonía do eucalipto. E, rondando os corenta, (¡ai!) imaxinaba que o resto dos humanos presuntamente leídos e sabidos e con título universitario e que len prensa e non sempre a mesma (suponse) haberían de ser conscientes da súa absoluta unicidade. Pero non. Máis alá da conciencia do eu con tódalas súas vantaxes e desgracias, resulta que segue latexando en nós con máis forza que nunca a teimosa escravitude do rabaño e, lonxe de opinar e tentar entender o distinto, o “descoñecido“, se cadra levados pola imperante moda de xornais e parlamentos, preferimos a descalificación ó argumento, a frase feita ó razonamento “orixinal” e ignoramos a amolecida e cómoda grandeza da nosa retranca como sabio mecanismo de relación intelectual. ¡Onde vai ela!

O que é o aburrimento. Como vello que vou sendo, cando penso no mundo das ideas que legamos á xeración dos meus fillos volvo, por algún estraño equilibrio universal, a poñerme outonizo, frase feita, vello re-visto, como corresponde a este tempo no que se corre o risco de que che caian ourizos na cabeza. Por sorte quédanme os amigos: os que me levan a coñecer as beiras dos ríos aínda que detesten estas prosas protopoéticas (:-P), os que me invitan a cervexas analóxicas, os que aceptan as críticas e as posicións enfrontadas, os que me din o que fixen mal e os que levan xa séculos aturándome e eu a eles. E eles, os pequenos, claro, coa súa ledicia e amor sen límite (de momento… ¡xa medrarán!).

Que pena de min non ser madame de harén, dicía máis ou menos o desasosegado Pessoa. Que pena de min e dos meus por non ser tirando a bonobos, digo eu cando meto os peíños do 44 na lama das poucas pozas.

————————————————————–

PD: E hai quen se quita do feis. ¡Do que hai que quitarse é do mundo!, como dicía Charli Ramos…

8 Responses to “Alteracións e equilibrios”

  1. De la Highway 61 di:

    Ai, amigo Rubén… Conscientes da nosa unicidade… Lendo o mesmo, sabendo o mesmo, lendo os mesmos periódicos, os mesmo blogs, vendo as mesmas películas, vendo os mesmos programas… Todos universitarios, todos rondando os 40 (aprox.)… é difícil de saírmos do pensamento único. Vostede di, e fala ben, que sae da súa horta e a natureza é distinta. É que hai que saír, se non corremos o risco de acabar pensando que o mundo é o que nós vivimos, e mundos, meu amigo, hai moitos e están todos neste.
    Vostede o que ten que facer é preguntarse cantos dos seus amigos/coñecidos íntimos e cotiáns non len, non ven, non escoitan o mesmo que vostede, cantos non están ao redor dos 40, cantos non son universitarios. Se son a maioría, é que vostede saíu a dar unha volta. Se son escasos ou moi escasos, é que vostede non saíu da horta ou non se afastou da porta. Vaia correndo. Inda que sexa para debaixo dos eucaliptos.

  2. r.r. di:

    ¡Vou! E o ben que arrecende… Un meu amigo escribiulle un poema ós arcolitos (non digo o seu nome por cuestións de seguridade) e agora anda escribíndolle outro ás bicicletas (isto si sería aceptable así en xeral, polo rollo eco).

  3. Que lindo me escribe cando quere, r.r., e eu renegando da escrita e da humanidade. Outono somos, outono seremos. A bicicleta é un invento do demo, dígollo eu, que a amo apaixonadamente e nunca amei nada bo.

  4. r.r. di:

    Gracias señorita Iou Miou. Acabo de decatarme de que todo (as leas, o escrito, a súa louvanza) son cousas da lúa chea, todo menos a bicicleta, por moito que a Queizán dixera aí atrás que non. Pois eu digo que si, que está na crecente e así estamos. Revoltos.

    ¡A xente que non ama nada bo é a que mola! E o de renegar paréceme apropiadísimo. Eu de feito, se non fose porque estou reproducido, meteríame a eremita un par de días.

  5. Non me lamente, r.r., a reprodución de facto como escusa. Cando un se eremitiza, depois colle unhas manías, que por moito que queira regresar ao rabaño, ninguén o atura. Nin un mesmo (e iso é o peor). Goce dos cachorriños antes de que perdan os dentes de leite.

  6. arume dos piñeiros di:

    Non me sexan tan outonizos. Imos tomarlle algo. A ver se nos vemos.

  7. r.r. di:

    A iso nunca se di que non. ¿Onde quedamos?

  8. Entón? Vai un caldo de nabiza ou?

  • Este blo apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet
  • ¿Cousas que pasan?

    Pilón Tabarés
  • Presumindo de valor…