O inútil

11092009

Non pasa un día sen ser asaltado pola certeza absoluta da inutilidade do que fago: de escribir, falo, de escribir en galego, ademáis; pero se non pasara sempre había de haber quen mo recordase. Gustaríame lanzar argumentos “de peso” e aproveitarme dun deses filósofos con apelido que comeza por H (muda, inútil) para soltar aquilo de que “a arte é todo o inútil que nos conforta”; abrigarme no mal de moitos, vaia. Pero, aparte de é certo que non me acordo do culpable de semellante cita -eu era dos que suspendía filosofía porque nos exames prefería inventar o que pensaban os mortos -hoxe penso que a palabra “arte” non me agrada vendo con que xentes e cousas se relaciona publicamente, e que a palabra “conforta” faime lembrar á grei de Bieito (16).

Se cadra, penso con vintecinco anos de retraso, debín elexir ciencias e dedicarme a observar os bechos, as estrelas (e as estacións espaciais) que andan polo noso ceo, ou á contemplación pausada do crecemento das plantas, pero obrigáronme a escoller cando non tiña idea do que a escolla había de sorprenderme vinte tantos anos despois. Se cadra debín ser músico.

Van alá hoxe sete anos dende que o mestre deixou de acompañarnos e só un seu amigo parece lembralo publicamente. A todos os demáis o único que parece preocuparlle en tal día son os intereses económicos ou os presuntamente políticos (¡quen nos dera que os tivesen!) derivados do mal funcionamento da maquinaria que vai estrear mundialmente unha das súas mellores pezas ¡máis de quince anos despois de ser escrita!; política (ou ausencia de, mellor dito) e economía parecen rexer de sempre o funcionamento do noso teatro público, houbo un tempo en que mesmo se dicía que o CDG era a oficina de emprego do teatro galego. Algo diría Roberto desta situación, claro que si, Antón, e probablemente a cousa tivera, é certo, un veo poallento de farsa amarga.

Amigos como somos de festexar todo canto aniversario nos cae no calendario, neste país somos incapaces de lembrar tal día como hoxe un dos homes máis grandes, e non só no físico, dos nosos oficios culturais; do noso oficio cultural, en concreto, que podería presumir de ser o máis “normalizado” lingüísticamente. E nin sequera os máis teimudos neste proceso continuamente saboteado, ás veces por eles mesmos, teñen hoxe unha palabra para o insobornable. Estamos facendo moi mal moitas cousas, Náufrago, claro que si. E non podemos botarlle só a culpa a non ter diñeiros para mercar voces ou faros coa idea de visibilizar o noso traballo. Tamén é verdade.

Quédanos o traballo inútil, inútil como ter fillos ou amar xente; agora que o penso, de poder escoller o pasado, sen dúbida, eu pediríame ser nai. Quédanos a beleza das palabras polas que temos a ilusión de que podemos apreixar o noso mundo; e quédanos, como escoitei a un escritor admirado aí atrás nuns encontros en Mariñán falando da promoción da súa obra: furar furar e furar. Nunca máis acertado sendo como somos para este mundo algo semellante ás toupas, que sacan molestas moreas de terra no medio do seu verde e uniforme césped.

Tal día como hoxe hai sete anos morreu o noso mestre Bolaño: Roberto. Vidal. Defensor do inútil. Unha das moreas de terra máis grandes no verde e uniforme prado.

…………………………………

P.D.: Por levar a contraria en canto a nanomodas mediático-culturetas, eu, que detesto as efemérides, voume poñer a ler “Rastros” para celebralo. Se me permiten, vou insistir un pouco na invisibilidade, no silencio, na inutilidade. E se non, tamén, claro.

8 Responses to “O inútil”

  1. franciscocastro di:

    Precisa anotación a súa, r.r. Somos, tamén, uns desmemoriados.

  2. Antón Dobao di:

    A min esta anotación emocióname, así que, espero poder brindar con vostede cunha cervexa (ou máis) pola memoria do noso común e querido amigo. E por todo o que ela ten que seguir espertando, abaneando e esmagando.
    Un abrazo.

  3. chuza.org di:

    O inútil [OPI]…

    Artigo do dramaturgo Rubén Ruibal no sétimo cabodano de Roberto Vidal Bolaño….

  4. Estou con vostede no canto á inutilidade. Sabe? Eu quería ser bióloga (como a Ana Obregón, xa ve, que tristura!) cando só estudaban bioloxía os que non valían para outra cousa, que nin numerus clausus había para entrar nesa carreira. Convencéronme de que desistise desa carreira inútil ao remate dun duro bacharelato por Ciencias, aprobando até as matemáticas (nin sei como, pero estudando, xúroo) e lanceime de cabeza a outra carreira inútil para acabar desempeñando na sombra un oficio inútil, tan inútil que só serve para me facer feliz a min e iso só ás veces, en cachiños de días que case nin se notan, de leves e silenciosos que me pasan ao lado. E cando me entra unha arroutada de rabia, antes que petar co puño na mesa (porque doe, e porque igual me cargo o teclado, que é unha pasta, xa chega cos que afogo en café…), penso no privilexio que é facer cada día algo tan tremendamente inútil e que me guste; e que grazas a outros que fan cousas tan inútiles neste mundo, infinitamente máis inútiles e fermosas que as que fago eu, lle encontramos algo de sentido á vida.

    Á saúde dos mortos que nos fan sentir vivos…

  5. cãosemdono di:

    E non será que ós maniaco-depresivos non hai Deus que vos ature así que empezan os días a se acurtar?

  6. r.r. di:

    Câo: ¡Maníaco depresivo! ¡Días que se acurtan! (Os días seguen tendo 24 horas e as miñas depresións cúranse cun paseo en bici mentres asubio aquela de Verano Azul)

    Suroeste: Polo que me sei agora, o sucedido co asunto Actas ten partes oscuras por onde vostede queira. Creo que nada do feito nese asunto valeu para nada.

    Sun: ¡Saúde! Neste caso eu brindo cunha VollDamm e fumo un Ducados. (Cof, cof!) ¡E viva a inutilidade!

    Antón: Hai que lle facer un oco a esa cervexa, pero, por se tal ou tumba, eu xa brindei cunha Estrella pola memoria e polo noso Bolañón en canto lin o comentario.

    Francisco: moitas gracias; conste que o post seguiu ás veces o ronsel do seu.

  7. r.r. di:

    Por suposto, Suroeste, outra cousa sería falar da imprevisión absoluta no asunto da dirección do CDG. E que se estree, sexa como sexa.

  • Este blo apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet
  • ¿Cousas que pasan?

    Pilón Tabarés
  • Presumindo de valor…