Archive for the ‘Inclasificable’ Category

Cambios de destino

venecia-era-un-espello

Ando tentando rematar un falso monólogo arredor dunha muller que semella esnaquizarse, dun músico que de súpeto parece borrado da historia, dunha república a un nada de se afundir para sempre…

Dende o 1 de setembro asumo novas responsabilidades.

Alá polo catorce de abril sairemos de contas.

É probable que ata entón esta Alicia medre un pouquiño máis amodo.

Xestión transparente

franco-borbon1

Ía facer un minipost titulado “meter a merda debaixo da alfombra”, ou algo así, dicindo que estou seguro de que a esas mulleres da noticia máis vista de onte en El País buscáronlle traballo nun lugar mellor. (O de usar a palabra merda é porque un asunto destes, mestura de pudor católico e irrefrenable atracción pecaminosa, vén sendo, para os que cren solucionalo cunha redada policial, po, varredura, lixo, contaminación, merda; tanto lle teñen as que traballan, importa que o fagan en lugares menos visibles, non vaian escandalizar ás boas xentes). Pero polo camiño de ir pensando o post dei coa noticia pola que onte a mediodía tiven unha charla telefónica con Óscar Iglesias, unha charla pouco comprensible ás veces e ademáis en fascículos gracias a Timostar e a súa envexable cobertura móbil. Así que de vez de falar de merda debaixo da alfombra vou soltar unha pastoral sobre xestión transparente, que era unha das promesas electorais dos nosos novos mandariqueiros alá por febreiro.

Porque é transparente, está claro como a auga clara, que estes non tiñan idea de que facer coa cultura galega o día 2 de marzo. Probablemente nin sabían que existía e, seguro, moito non lles interesaba. E non nego que a idea de sacar o posto de dirección a concurso paréceme ben, pero podían telo anunciado antes; porque se a anterior xerencia da AGADIC abandonou ás empresas de teatro o día 2 de marzo, a actual parece que vai deixar á deriva a nosa institución teatral máis importante durante semanas ou meses. E o que se ve ben claro no fondo desta transparente xestión é que o de sacar as cousas a concurso non se lles ocorrera. Se cadra, propoño así de paso, era boa idea sacar a concurso tamén ó posto de xerente da AGADIC ou, claro que si, o de conselleiro. (Mentres escribo este párrafo non podo deixar de escoitar no cráneo os ecos de Rajoy reprochando a Zapatero que improvisa e que debera gobernar el, con coraza e cabezón, suponse)

Logo atopei esta nova aparte (vén sendo o mesmo que aparece ó final da outra) pero non me sorprendín da foto: a confusión Bolaño – Vidal Bolaño non é nova. Se cadra porque, máis alá do nome e o apelido común, os dous naceron en Santiago (de Compostela e de Chile). Se cadra porque literariamente se atopan a unha altura cercana, coa diferencia de que un ten un mercado de centos de millóns de lectores e o outro un mercado de centos de lectores.  Se cadra a maior diferencia é que a un hai políticos, e sobre todo políticas e medios que o defenden, e ó outro non. E, falando do que din que dixen, eu fun un pouquiño menos educado do que me pinta o xornalista, que debe quererme ben: dixen que me alegro por Cristina Domínguez porque así poderá traballar lonxe desa xente; dixen que non me estraña que censuren de novo As Actas Escuras porque seguen pensando o mesmo que a primeira vez que o fixeron e o mesmo que hai setenta anos; dixen, ou debín ter dito, que daquela, no 92 e seguintes, os mandariqueiros dicían que o espectáculo non se faría se o Bolaño, Vidal, non cambiaba o pouco reverente final, no que unha cupletista (muller de mala vida, puta) canta ó cura moribundo e xa descrido que investigou o dos restos co sobriño discípulo de Giner de los Ríos; hoxe, de xeito máis breve pero mellor elaborado, disque adían. Tanto unha excusa como a outra son transparentes e deixan ver ben claro baixo o fondo de augas co que a queren ocultar, a mesma palabra de sete repetidas letras.

Tamén pensara falar de novo doutro dos temas do día, pero quedo coa xestión transparente destes que tamén está aterrando. E aterrando ó personal.

—————————

P.D.: E por certo, por sorte para os espectadores e desgracia para min, Delimvois deixou de representarse hai xa meses.

Ouveo

ouveo

Mañá (é dicir, hoxe, día 3) ás nove andarei mirando como ouvean polo teatro Rosalía, na Coruña…

¡Volveu!

Si, El Roto volveu das vacacións, ¡aleluia!

Para os que regresan, malhumorados á cara e no teléfono, meto un pouquiño máis o dedo na ferida; tamén é verdade que sei de algúns que hoxe inician o descanso, felices como ese que berra na auga.

Que lles vaia ben. A todos.

Club de lectura Arumes do Corgo (2)

club-de-lectura-arumes-1-pequena

Onte botei unha noitiña lediciosa polas terras do Corgo coa xente da Asociación Cultural Arumes. Vintetantos lectores (e os que non puideron vir, seica), a chegada contra vento e marea dun blogoamigo, e dúas horas de chachareo sobre libros, teatro e detodounpouco. (Autoconsellos para a vindeira ocasión: teño que volver ós caderniños Rubio para non estragar os libros coas dedicatorias, formarme algún tipo de discurso público coherente e non fozar nos zapatos para matar o nerviosismo, que seica queda feo). ¡Ah, e ademáis van e danme unha peza de cerámica de Manuel Fernándes, Lolo de Anseán (ver última páxina), como agasallo!

E despois, unha cea en Lugo (¿fai falta dicir máis?) con Mario e Ánxeles.

Este país no que unha miss ten máis primeiras planas nun mes das que nunca tiveron na vida Manuel Rivas, Ferrín e/ou Agustín Fernández Paz, ás veces dá motivos mellores e forzas maiores para seguir soñando. (Que si, xente, que xa vos digo que si…)

¡Gracias!

Strange things happen.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/AzFtHo6YPyM" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Recibo mensaxe de Erik Cachuzo, que parece vivir unha época “civilizada” e sementalmente estable. Non me resisto á tentación de cortapegalo aquí. Advirto que o vídeo non ha de usarse (por indicacións do Cachuzo) máis que como banda sonora para a lectura. Quer dicir (di Erik, engadindo un par de insultos dedicados a min como xa é costume) que poñelo non ten que ver con velo. Recomendo, coma sempre nos seus textos, evitar os incisos (entre parénteses, (polo xeral contusos)).

Rubicho cabrón:

Hai un par de semanas doeume bastante un xionllo nalgunhas posicións (ó andar, de seso nada, refírome a que me doía ó pisar terreos irregulares, baixar pendentes ou subir escaleiras, ás veces mesmo tiña a sensación de que podía dobrar a perna do revés, é dicir, para diante). Así que pedín vez para o traumatólogo u hostiólogo (con h, si, muda pero diacrítica, non é o dos ósos, con til tamén diacrítico) e déronme para onte.

O que pasa é que (como me olía la tostada) deducín diagnósticamente por min mesmo que o das molestias e ás veces dores era falta de actividade (física, non sesuar, que tamén, pero non ten que ver co xionllo agás (que quere dicir esceto) en determinadas posturas (sesuars)). Así que andei, cortei a herba do xardinciño do adobadito (chalé!), paseei, chimpei, ¡é probable que algún día mesmo tivese prática sesuar! (a miña imaxinación é a hostia, non sei se levala ó traumatólouco) e a cousa foi a mellor.

Pero chegou onte e fun ó médico, que para iso tiña a vez pedida e co traballo que dá que che dean hora e tal e cual, díxome a parella (supoño que por sacarme de diante unha horiña ou así)… E cheguei alí polo meu propio pé (conducindo, para que mentir, sen carnés, para que mentir, ¡¿con que se conduce?!, direille ó garda que mo pida ó tempo que sinalarei o cerebro co dedo de sinalar), conteille ó sacatripas o que me pasara, deille incluso o meu acertado diagnóstico e faleille do inútil daquela visita que lle estaba facendo, do absurdo daquela cháchara en balde sen unhas Estrellas na mesa (dende os meus anos de frenopático teño o costume de falar e falar, eles obrigábanme daquela, co persoal hospitalario)… Todo para pasarlle a tarxeta sanitaria, firmar e marchar para casa (chalé!, insiste meu amorciño en corrixirme dende a retagarda). E o tipo debeu sentirse ofendido. “Hemos venido aquí a trabajar”, debeu pensar, así con plural maiestático e todo. Fíxome baixar os pantalóns (co ridículo que está un home coas miñas pernas fracas en calzóns (limpos, precavido que un é, a miña parella obrigoume a ducharme e todo) e calcetíns, sobre todo se os calcetíns son apallasados, de cadros de cores croquetamente), deitoume sobre unha camilla (padiola normativeli) e púxome en mil posturas indinas (e por sorte non sesuars como cando foi o episodio das presuntas almorranas) para andar probando xiros imposibles das articulacións do xionllo; incluso para diante. ¡E dobraba! Diagnosticoume certa febleza muscular e recomendoume facer exercicio (físico).

Resultado: dende entón o xionllo dóeme seguido, non só cando piso mal. E moito. E teño ganas de pedir vez outra vez para o hostiólogo. Pero claro, tamén me entra o medo: o seguinte paso (ai!) se pasan (ai!) os días e chego alí e non me doe (ai, ai!), ¿que será, cortarme a perna? (ai, ai, ai!) Odio a vosa civilización, non sei se plantar todo (parella, chalé adobadito e coche) e volver para os mornos contedores de lixo nos que libremente me acubillo e practico seso cando me peta comigo mesmo.

Agora vou levar o coche ó mecánico para ver se logo paso a ITV; non fai máis que un ruidiño, así que estarei alerta para que non me furen a xunta da trócola. Que xa vos vou coñecendo, occidentalitos…

Adeus, Rubicho babeco.


Autobombo: Club de Lectura Arumes do Corgo.

Hoxe ás nove da noite, no centro sociocultural do concello, participarei na primeira xuntanza do Club de Lectura da Asociación Cultural “Arumes dO Corgo”.  A excusa é falar de Limpeza de Sangue. Agradézolle de novo a invitación á xente da asociación e agradézolle a Edicións Xerais de Galicia a xenerosa aportación para que este encontro (¡e os que están por vir!) poda levarse a cabo.

Se vos apetece, vinde por alí. Estades todos invitados.

Aeroportos

saint_martin_beach

Temos tres aeroportos que acabarán convertidos en carísimas pasarelas para o de Barajas ou El Prat (a ligazón é só o último exemplo, non hai máis que botar contas de en canto lle sae a cada galego este vicio de facer ampliacións repetido en tres aeroportos cada poucos anos). No caso de Albedro é lóxico, xa que esa árbore xunto co oso en pé forma parte do escudo da capital do Reino, lugar onde vivía o señor que tivo o capricho de inauguralo e no que sempre quixo mandar o outro señor que teimou na loucura de amplialo e que, por desgracia, disque vai volver pronto do seu retiro Vaticano.

Os novos caudillos de cada vila están cheos de ideas coas que pretenden recuperar a distancia co mellor plantexado aeroporto de Porto (valla a redundancia). Ideas para as que sempre é necesario contar co diñeiro de todos, iso que chamamos subvencións e que tanto se critican cando se destinan ó mundo da cultura.

Se cadra na reportaxe tería que falar alguén da Xunta que tivese unha idea xeral do transporte para Galicia (¿haberá?). Se cadra a solución que a min me gustaría escoitar de algún político, máis alá do localismo no que caen dende o primeiro ó último pasando por quen redactou a nova, é comunicar ben o de Lavacolla (autopista libre de peaxe, ferrocarril) e eliminar os outros dous, ou dedicalos á aviación deportiva. Porque doutro xeito nunca van competir con Oporto. E que non se lles ocorra comparar a situación con Catalunya, por favor; miren o PIB, miren a distribución demográfica, miren o número de viaxeiros…

Ese aeroporto da foto que me pasou onte o mestre DlH61, na illa de San Martín, é outro exemplo do bo facer dos políticos, neste caso tirando para un localismo a nivel de concepto “nación”. Teñen dous aeroportos (de dúas nacións) en 98 kilómetros cadrados. Iso si, o índice de voos (non hai máis que ver nas imaxes a cantidade de compañías distintas que operan no Internacional Princesa Xiana) semella bastante mellor que o dos nosos tres aeroportos xuntos, máis aínda calculando o que lles debeu costar.

g26p4f1

Tocante ó perigoso da situación… Si, é certo, parece un chisquiño máis perigoso que o de Albedro. Pero poño un pé porque o aparcamento téñeno máis cerca da terminal.

………………………………….

P.D.: Si, a min a imaxe tamén me segue parecendo unha montaxe. O dos aeroportos estes, en xeral, segue parecéndome unha trola.

P.D.: Si, AlBedro, si. Tanto me ten que o escribades mal, a verdade, pero se é porque soe mellor en Madrid, chamádeo Madroño (ayuntamiento de Cucharedo).

¿Medo?

medo

Non é a palabra. ¿Estarrecedor? Tampouco. Eses millóns de homes “felices”…

Dixo Craig Patterson, que foi quen me descubriu no Facebook estas tres páxinas de fotografías:

“Arrepiante, ver tanto odio organizado a escala industrial, as imaxes tan nitidas e tanxibeis que parecen de hoxe…”

Coincido con el ata nos puntos suspensivos.

………………………………………………….

P.D.:Así que gracias polo post, Craig.

Isto (non) é un cabaré

noncabare-fechado

Un dos meus blos favoritos pechou, ou foi de vacacions. Claro, non podo poñer unha ligazón porque xa non está, ou está a medio fechar, cuns matóns na porta que piden entrada. Se alguén sabe como meterse dentro ou pode axudar a convencer á señora da casa de que abra a porta do non negocio, que conte comigo.

  • Este blo apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet
  • ¿Cousas que pasan?

    Pilón Tabarés
  • Presumindo de valor…